07.06.2006

0 Comentarios | Sin categoría

ALUG(ARTE) EN TOKYO ( cap.2 )


Os meus pés na beirarrúa
( Un teléfono soa )
É o teléfono dos taxistas

Cero corpos ao redor
de min
Hoxe
ninguén atende á chamada
Escoitar
é un verbo
abandoado
………………..
Hoxe
cero persoas
queren escoitar

Alongo o brazo
Pégome ao teléfono
Respondo á pregunta
dunha voz:

– Síntoo
Non podo
Non teño coche
Nin sequera
carnet

– Si
Seino
Sei que un coche dá liberdade
pero eu só teño unha bicicleta

– Se tivese
aire nas rodas
podería visitarte cada noite
Recoñecerte
nun punto fora da cidade
Marcando
o destiño
coa boca

– Un fronte ao outro
No fondo un deserto
Buscar nas mans
a outra face das dunas
Coa calor nos ollos
xogar

– Que non
Dixen
que non podo ir buscarte
mais podo facer
visitas cada noite
No cesto da bicicleta
levarte ao deserto
Chantar parasoles
ata debuxar unha illa

– A area
hei gardala nos petos
por se chamas
e ninguén escoita
Ás veces na cidade
os taxis levan
as luces
de ocupado

Dejar una respuesta