26.07.2006

0 Comentarios | Sin categoría

como unha batedora


Pero é que eu son ansiosa.
Engánovos dende sempre facéndovos crer que domino a situación
que a miña pelve coñece o espazo exacto onde coloco a cadeira na que pouso
que reciclo porque as caixas de cartón que apilan na entrada do super
son perfectas para levar a miña compra.

As bolsas de plástico non me gustan cando hai que pagalas.

Por iso a maioría das veces é a torre a que cae enriba con tal forza
que ningún asento resiste o impacto do granito
e nen sequera os víveres da madrastra son coma no conto.
Quédanse na cantidade ínfima que nunca sacia.

Se polo menos me achegases algunha droga á torre.

Algunha coa que enganar xa non digo a noite
senón ás horas do día
Esta inxusta ansiedade rebéntame nas liñas da pedra.
Se o fixeras
se te atreveses a enganchar estimulantes na punta do meu pelo
mercaría a totalidade dos teléfonos
e mandaríache mensaxes en todos os idiomas.
Faríame cosmoplolita
e recrearía os puntos estremos do planeta neste piso
en cada unha das lousas frías do chan que tapei coas alfombras
para non ter que fuxir nen que nos abandonases
a mín e ao piso.

Contrataría xaponesas
somalíes indíxenas
americanos
habitantes de Rusia
e dos paises baixos
mediterráneas e mulleres da australia
falaríache en todos os idiomas tan só con premer un botón
e cociñaría todas as receitas do mundo
se me enchufaras na electricidade, amor,
como unha batedora.

Dejar una respuesta