30.03.2007

0 Comentarios | Sin categoría

purpurina

Esta é a historia de nomearse sen pestanexar
de manter pechada a boca
de respirar o tempo suficiente ate agardar que o momento pase
e esquecer

ou non esquecer

e gardar o contido nun espazo que non pese
para algún día
empregalo

Estudei que a historia literaria xurde cun principio e un desenlace:

-coller o teléfono
-escoitar que se di
-responder con palabras curtas
-colgar o teléfono
-valorar o contido
-deixar que penetre o silenzo
-conter os fogos de artificio
-saber que a emoción sempre ten dúas caras
-sentar no medio da cociña
– valorar o contido

(…)

– aquí estou
sentada no medio da cociña
imaxino a aventura proposta
ao outro lado da fronteira
coma o alento
do becerro de ouro

deixar de lado o nome
facer do corpo chicle
para subir
a esqueira que creas
nun só chiscar de dedos
para a miña suma
de tacón e palabra precisa
unha e outra vez
tocada

pola mediática

“que ben quedaría ao teu lado”
é imposible non pensalo
………………..
preséntome
……………….
Eficiente respondendo
na sombra dun segundo
na suor do baile manda
o teu SMS
con espazo-meu nome-espazo
ao 5504
crea unha historia
con principio e desenlace
deseña comigo unha noite
ao máis puro estilo ” vacaciones en el mar”:

purpurina electrostática
na proa
dun barco amarrado
na cidade
cea de nova cociña
música en directo
eu estupenda deseñada a medida
que oportunidade

“grazas por me dar
esta oportunidade”-dígoche coa mirada
e ti sorrís contento
pola miña gratitude
discreta

-permíteme que beba-

dos happy end a isto
distan tres horas de ópera

nomearse
proporcionalmente á velocidade
dun motor de barco
e tentar facer un peinado liso
no meu groso rizo
ate queimar
a resistencia do secador

rapar o pelo
tintar a calva de vermello
e sobre ela escribir
o meu nome

– agora sí podo aceptar
a túa invitación-

tocar o timbre do teu barco
agardar a que me den paso
a rir para dentro mentras aperto
o botón dun megáfono aceso
polo que digo

– aquí estou o teu pedido xa cheguei-

nomearse
é sentir o extraordinario
a túa expresión ao ver a miña entrada
pola porta do teu barco

Eu nunca dixen
que nomearse fora
sinxelo

**A fotografía é unha peza do artista Félix Fernández
podedes atopalo en: www.felixfernandez.org

Dejar una respuesta