12.07.2010

1 Comentario | Agardando a Godot

a rosa de warhol

A Rosa de Warhol

Saíu á entrada do CGAC para botar un cigarro. Xusto enfronte, varias ducias de persoas subían as escaleiras de Bonabal con libros e rosas nos brazos e comezaban unha lectura. Intrigada, virouse e mirou ao garda de seguridade que, xusto detrás súa, ollaba ao mesmo punto.
– E esa xente?– preguntou.
– Hoxe é 15 de xullo?.
-Si.
– Ah, vale…Avisáronme de que se ía facer unha xuntanza de escritores polo de Rosalía de Castro…
– Polo pasamento..-dixo ela.
– O pasamento, o nacemento…tanto ten. Está pechado o Panteón…Din que vanno abrir pero nin saben cando…así que anque se queira ver onde está…

Daquela, Ela recordou cando con dez anos unha mestra lle pedira que levase a clase unha fotografía dun famoso para facer un mural, e os seus pais lle deran unha de Rosalía de Castro en branco e negro baixo a frase: ” levas á poeta máis coñecida de mundo”. Mirando ao Panteón, rememorou a suor nas súas mans de quinto curso, a xenreira e vergoña que sentira ante os risos do grupo e da mestra, cando esta dixo que esa imaxe non valía porque non era a dunha “famosa”, e que quedaba “estraña” ao lado das outras. O certo é que o sorriso de Rosalía ao carón de Lady Di ou Julio Iglesias resultaba unha illa subversiva e evidentemente o subversivo incomodaba.

– De que ris?– preguntou o garda.
– Pensaba en…Sabes esas camisolas coa cara de Rosalía?.
– As que leva todo dios e recordan á Marilyn de Warhol?.
– Si. Pois acabo de decidir que vou mercar unha, envolvela en papel de agasallo e mandarlla a unha mestra que tiven…

artigo publicado na Voz de Galicia 10/07/2010

  1. Fantástica idea.

Dejar una respuesta