23.08.2010

4 Comentarios | Agardando a Godot

plan renove

de nena cando vía a propaganda das tendas de electrodomésticos e dos grandes almacéns con todas esas neveiras e frigoríficos ateigados de tanta estética, daba un xiro.
semellaban tan fermosos!. todo perfecto, colocado ao milímetro,
a suculenta conxunción das cores.
o peixe nun andel,
todas as bebidas noutro,
o verde da leituga plástica,
o vermello dos tomates de cartón pedra,
a froita exótica, os zumes, os xeados…a coreografía era infinita.

neveiras que nunca se descolocaban, que sempre estaban dispostas para sorrir.

desexaba que na miña casa tivesen que mudar de frigorífico só porque pensaba que o novo viría con todas esas cousas dentro. así de colocadas…igualiño que na propaganda.

miña nai ten unha horta. cóidaa cada día e fala con ela.
esta nunha zona moi húmida e é a envexa da aldea. agora, pasado a metade de agosto, comeza a dar tomates, berenxenas, pementos de toda caste, xudías e calabacíns.
o peor de todo é que os frigoríficos nos apartamentos son moi pequenos e non hai moito oco para tanta fartura.

por iso penso que se puidese construiría un frigorífico enorme, que chegase ao teito para poder metelo todo dentro e colocalo por orde, en gama cromática e tamaño.
saldaría os pensamentos e tería unha instalación para contemplar toda a tarde, toda a tarde sen dúbida de que ese….sería o frigorífico máis fermoso que ninguén tería ollado nunca, anque non saise na propaganda.

  1. Eu son capaz de pasar a tarde enteira a mirar para os cristais da miña fiestra. Non é pola procura do que sucede ao outro lado, senón pola contemplación das gotas de choiva a esvarar polo cristal. Unha cae contra o alfeizar, mentres outras dúas crúzanse e mesturan os seus camiños, que agora xa só son un. Estética de auga, pingas e camiños. Serve?

  2. serve.

    agardo verte pronto.

    como vas, pedriño?

  3. pois se tiveras ese frigorífico eso si que sería o verdadeiro “efecto invernadoiro”,con efecto estético.

    …moreas de visitantes contemplando a instalación,a modo dun museo de arte contemporánea.

    …pódesllo propor ao conselleiro de cultura para a Cidade da Cultura,ese gran invento.

    …eu iría…

  4. témome que a cidade da cultura vaise encher doutras cousas…

    un bico

Dejar una respuesta