07.03.2011

0 Comentarios | Entrevistas, Novas

Carlos Suárez

CARLOS SUÁREZ (Celanova, 1966) é un compositor e etnomusicólogo galego-venezolano. É autor de máis de 40 obras acústicas e electroacústicas, baseadas nas súas investigacións en Venezuela e no Caribe. Desde 2003 desenvolve estudos da paisaxe sonora galega co colectivo escoitar.org

Máis información e posibilidade de escoitar obras súas en RedASLA

escoitar.org
A.O. A túa procedencia galego-venezolana… as túas vivencias a un lado e ao outro do Atlántico, a mistura de culturas e latitudes, da cultura popular e da música contemporánea… como ordeas todos eses estímulos e como che influencian á hora de achegarte ás paisaxes sonoras?

C.S. Pois eu sempre sentín que esa condición de emigrante a ambos os dous lados do atlántico permíteme entender cousas que outros non entenden.
Todas as experiencia que tiven non se contradin, todo o contrario compleméntanse… nese sentido unha festa popular de tambores afrovenezolana esta conectada coa forma de tocar dun grupo de gaita nunha aldea. Ambos teñen que chegar a un nivel expresivo que manifeste unha especie de fractura temporal na que o presente sexa un espello no que se reflicta o pasado e se proxecte o futuro… Levi Strauss comentaba que “a música é unha máquina de abolir o tempo”.
Percibir a paisaxe sonora é como un espertar da conciencia, é como desenvolver unhas capacidades perceptiva moi agudas, tal como ten que desenvolvelas por exemplo un director de orquestra para percibir que no medio dun conxunto de violíns hai un que está desafinando.
Por iso estráname que nos conservatorios non se desenvolva esa escoita multidimensional que se produce cando escoitamos a paisaxe sonora da nosa contorna cotiá.

 

A.O. Os sons procedentes da cultura popular e a súa capacidade de sorprender son algunhas das fontes ás que dende os teus inicios recurriches como artista sonoro; ¿como compositor que che sigue a aportar a cultura popular?

C.S. É que a cultura popular é creadora en esencia, os compositores en realidade o que somos é continuadores desa riqueza sonora. Por exemplo, Bach baseaba gran parte da súa música en cantos e ritmos populares. Durante o barroco compoñíanse suites, que eran conxuntos de danzas de orixe popular de toda Europa (minué “Francesa”, alemanda “alemana”, zarabanda “española”, giga “inglesa” etc). Por exemplo, a giga é unha danza das illas británicas que se orixinou nunha remota aldea de Escocia ou Irlanda e que se popularizou entre as clases baixas, ata que pasou ás cortes.
No século pasado, a musicoloxía comparada afirmaba que as músicas de tradición oral do mundo son un estado sonoro primitivo ao que noutro tempo foi a música en occidente; hoxe sabemos que isto é un erro de apreciación descomunal. Son aspectos que na música contemporánea académica foron anunciados como innovacións, pero que se veñen desenvolvendo durante séculos na tradición oral ou música popular: cluster, atonalidade, micro intervalos, plurifocalidade, poliritmias, etc, etc, etc.

 

A.O. FONOTOPIAS é un proxecto que a ollos dos que o observamos ten moito de máxico e de poético. A idea do son como un ben inmaterial, o traballo de campo buscando paisaxes sonoras, recoller o son interno dos obxetos… Como viviches o proceso de FONOTOPIAS e como sintes que foi a acollido o proxecto tanto en Galicia como fora dela?

C.S. É unha pena dicilo pero o proxecto resulta máis interesante fora que dentro de Galicia. De feito eu fun representando a escoitar.org ao Foro Mundial de Ecoloxía Acústica celebrado en México, xa que se interesaron moito polas investigacións e os seus resultados. Pero en Galicia é triste dicilo, non hai interese e o proxecto está detido, por non dicir pechado, a pesar da innumerable cantidade de sons en perigo de extinción que nos quedan por gravar.

Fonotopías é un proxecto científico que non deixa de ser tamén moi máxico e poético como ben dis. Por exemplo, recollemos o son do reiseñor no lugar onde se conta esta lenda: “un abade vendo perturbada a firmeza da súa fe, pérdese no bosque dunha serra próxima e detense a escoitar extasiado o canto dun reiseñor. Cando tenta volver ao mosteiro todo cambiou, ninguén o coñece e os monxes ao revisar os rexistros do mosteiro descobren que un abade desaparecera sen deixar rastro varios séculos atrás. O canto do reiseñor durará nada menos que 300 anos, o tempo que tardou o abade en recuperar a claridade da súa fe”.

 

A.O. É fermosa a lenda de San Ero…
Unha da vertentes de escoitar.org son os obradoiros que impartides relacionados co mundo do son e da acústica. De que xeito se achega o publico a eles, e como sentides que lles inflúen?. ¿ Saen dalí desexando fabricarse un piezoeléctrico para facer as súas propias grabacións?

C.S. Os obradoiros son catalizadores da escoita, a xente que participa queda esperta ao son e motivada polo mundo sonoro que se puxo ante os seus oídos.

Pero é importante a continuidade, porque os sentidos deben exercitarse permanentemente para que non se atrofien, e nun mundo rexido polo visual é fundamental a continuidade da revelación sonora.

Eu penso que máis que unha cidade da cultura, que no fondo é un buraco negro do talento, Galicia necesita centros o laboratorios de creación. . . Co tema dos sons, eu penso que Galicia merece un centro de investigacións acústicas. Un centro de estudo, investigación e creación en torno ao fenómeno sonoro.

 

A.O. A maioría das veces expresámonos por medio de imaxes, pero ata que punto o son chama pola imaxinación?

C.S. O son actúa nun nivel diferente, é esencialmente físico e emotivo… non quere dicir isto que o visual non sexa emotivo… pero a diferencia está en que cando vemos un raio sorprendémonos ante a beleza do seu resplandor, mentras que cando escoitamos o seu son é cando realmente nos entra o medo no corpo.

 

A.O. Óese moito pero escoitase pouco?. O volume de imaxes ao que nos vemos sometidos cada día, os dogmas das sociedades de consumo…axudan a que estemos perdendo a capacidade de escoitar?

C.S. Si e aínda que pareza un contrasenso, case se podería dicir que os sons que escoitamos son case imaxes, …porque o son utilízase como un reforzo do visual, sen aproveitarse a súa dimensión autónoma, esa capacidade para xerar estímulos sensoriais profundos.

Hai pouco escribín algo que pode explicar ao que me refiro con iso dos dogmas das sociedade de consumo e a creación: “O individuo intelixente non é aquel cuxa conciencia esperta logo de percibir ao mundo en toda a súa crueza, non é aquel que tras esa revelación actúa en consecuencia. Un individuo intelixente debe posuír unha “racionalidade” útil capaz de descifrar os constructos do dogma, e esa capacidade permitiralle descifrar a estética oficial, ser parte do discurso do poder institucional e ascender. O outro é un irracional, un bobo sen ambicións, un ave de mal agüero que altera o ánimo positivo do público testemuñando unha realidade que resulta ser desagradable. Evidentemente é un contrasenso que a creación estética sexa un reflexo veraz da realidade contemporánea e simultaneamente estea orientada a xerar rendemento político, promover espectáculos que carezan de retos reflexivos e estea condicionada a non cuestionar a hiperestructura corrupta do poder.”

Creo que é fundamental que o son que xeramos estea conectado co mundo no tempo vital do seu devir…

 

A.O. En que proxecto(s) estás a traballar e que che interesa a nivel artístico de cara o futuro?

C.S. Por unha banda estou traballando composicións que son paisaxes sonoras alucinatorias, ou para ser mais exactos metacústicos (é dicir, que pertencen a un espazo da imaxinación desdobrado do cotián onde tento que o meu expresionismo sexa radical e extremo).
Doutra banda, as estruturas rítmicas que durante moitos anos interpretei e estudei, están restructuradas, reformuladas e reinterpretadas en instrumentos que constrúo a partir de refugallos industriais. Nestas obras perséguese a exacerbación rítmica dentro desa sonoridade particular do metálico. Estes temas son algo así como fusionar os ritmos de África, Penderesky, o son grunge, Xenakis e Public Enemy.


A.O. E xa para rematar… Podemos dicir que Carlos Súarez como creador centrou o seu traballo en torno ao son e á escoita… pero se de pronto as paisaxes fosen quedando mudas… e tiveras a posibilidade de escoller un son que non desaparecese nunca, cal sería?

C.S. A voz da miña filla.

 

(Está entrevista foi realizada por A. O. para antiaotero.com)

Dejar una respuesta