16.07.2013

0 Comentarios | Agardando a Godot

Valentine´s Day

tumblr_l2kc05EsNg1qc17jto1_r3_500

 

 

 

 

Antes de que o tecido enquiste

e nazan cancros de sete bocas

saberás que levo o gume da gadaña

cravada nos pés

e un adival butano

coma perfecto bondage

 

que a seda branca onde criar vermes

apodrece nos vestidos das miñas mulleres

nos baúles románticos madeira pan de ouro

onde soterrar a ansia

os brindis

os cantos das sereas e odiseas

que xa están escritas e dormen con Homero

nas caries das abellas

no padal da naftalina

 

 

O cheiro curte

no centro deste cuarto

pero a lámpada

segmenta a infección

 

divídea entre o que arde e o que manca

 

nun estado bífido no que degustar mísiles

e outras bombas de palenque

sobre manteis escuros

encadrando vanitas

bodegóns

e paisaxes inglesas

 

en tormenta perpetua

cun Turner famélico na proa

pintando aquel barco

que encalla

 

unha e outra vez

nas atmósferas

nas selvas

nas sabas

nos -eses- que atravesei

desdentada

ata chegar aquí

 

 

 

 

 

 

Imaxe.- Fernando Vicente

Texto.- Antía otero

Video.- David Bowie

Dejar una respuesta