08.01.2014

0 Comentarios | About, Agardando a Godot, Literario

Voces a Castelao

Unknown

 

 

Onte día 7 de xaneiro participamos no acto VOCES A CASTELAO no Panteón de Galegos Ilustres polo LXIV cabodano da morte de Daniel Castelao.

A Fundación Castelao quixo achegar voces de estudantes e escritoras e escritores a ese espazo. Foi un pracer estar alí compartindo lecturas e música con
Raúl Galego, Mini e Mero, Lorena Rei, Sofía Sánchez- Brunete Facal, Génesis Andreina Toárez Rosado, Carlos Negro, O Leo, Anabel Montouto
Marcos Borrageros, David Otero e Carlos Mella.

 

Déixo aquí o texto que elaborei a partir da imaxe de ” A tola do monte”.

 

1175791277_f

 

– Éralle unha rapaza bonita e ben

  asisada e din que foi unha meiga

 quen-a enfeitizou, e dispois de perdel-o

xuizo tivolle un fillo e contan qu’era

do demo. Chámanlle a tola do monte.

Así falou un vello, que camiñaba

par da miña besta ferrada, cando eu

era médico rural.

                                             CASTELAO

 

(…)

 

Cando digo tola digo agora

e un miñato agochado

nos codesos

 

A reliquia da historia

mesa de disección

ollos escrutando

as dobras do corpo

lindeiros da vergoña

na camisa aberta

da que era bonita

e ben asisada

debúxanse

aquela tarde

 

e ninguén recolle

o corpo

 

 

Seguirán a nos buscar

ao caer o sol vermello

e prenderán nos nosos cabelos

veleno que cegue

monte e vértebra

 

 

Non chegará o berro

ata a fonte do quinteiro

onde o vento randea

as bolsas de tea

agardando polo pan

quente da mañá

e quedará silente

a violencia no alto

entre as bestas

 

algún poldro

roendo bidueiras

 

 

E aquí

no asfalto

 

negándonos a celebrar

 

seguimos cuspindo

coas mans rilladas e os peitos

en lévedo

creando medicinas

para o desasosego

 

As fillas do demo

– tum tum tum tum –

achéganse

petando nas placentas

 

adentro

 

cun fachico entre os dedos

comprenden que a revolución

é prender luces

faros que clareen

a volta das corredoiras

 

 

 

Texto.-Antía Otero

 

 

 

 

Dejar una respuesta